En febreiro de 2012 botaba a camiñar o proxecto da Asemblea Cultural Galega de Barcelona (ACGB). Nacía co obxectivo de crear e reforzar as redes e os lazos entre as persoas e os colectivos, co fin de rescatar e potenciar a forza da comunidade fronte ao individualismo; de dar forma a un elemento aglutinador de persoas e colectivos vencellados ás identidades galega e catalá, cunha visión de esquerdas.
A ACGB conseguiu posicionarse en pouco máis de dez meses como unha rede forte, un espazo de encontro, creación e acción no que traballar por unha galeguidade aberta, crítica, vital e creativa. Unha mostra delo é que a ACGB é tamén paraugas para outras entidades como a FIA (Foliada Intercultural Aberta), a Ludotega Barcelona, o Magosto Barcelona ou a agrupación teatral Furafollas, entre outras. A ACGB amosa un firme compromiso coa lingua galega e máis coa difusión e dinamización da cultura galega, tradicional e contemporánea, en Catalunya; e aposta pola loita sen tregua polo mantemento dos nosos dereitos sociais.
A Ludotega Barcelona é un espazo autoxestionado por nais e pais que queren que os seus nenos e nenas xoguen e fagan actividades en galego.
Xúntanse en encontros mensuais para xogar, botar unhas cantigas, gozar de números de clown e maxia, etc. Este ano pecharon o ano ao grande, recibindo unha visita moi especial: o Apalpador.
O Magosto Barcelona xa figura marcado en vermello no calendario de actividades coas que colabora a ACGB. É unha festa autoxestionada, organizada por un grupo de amigas e un feixe de persoas que lles botan unha man, que quere manter viva unha tradición clásica entre as e os galego-cataláns de Barcelona. O seu éxito é incontestábel. Non falta a homenaxe ao santo LK, xogos tradicionais, bo xantar, queimada, música e, por suposto, castañas.
A ACGB dá tamén acubillo á FIA (Foliada Intercultural Aberta). O obxectivo deste colectivo musical aberto é xuntarse para tocar, bailar e cantar, e deste xeito achegar e dinamizar a cultura galega en Catalunya a través de encontros musicais mensuais en diferentes formatos. A FIA acompañou á ACGB na súa presentación en Barcelona, levou o seu formato de “foliada aberta“ a Girona, ao Ateneu Roig de Badalona e máis a Can Masdeu e participou na Festa Major de Gràcia. Asimesmo, puxo música a algúns dos encontros da Ludotega, entre eles o deste Nadal.
Unha das claves da ACGB é tecer lazos con outras entidades. Ao longo deste primeiro ano, a ACGB participou na “Mostra d’entitats dels Països Catalans“ co gallo da Diada de Catalunya; colaborou no “Muralmob per la Llengua“ e máis no libro “El català als fogons“ da Plataforma per la Llengua; e realizou actividades da man doutros colectivos que tamén se asentan no Ateneu Roig de Gràcia.
Este primeiro ano da ACGB foi tamén ano de apoio decidido á producción cultural galega. “Conversas con Carlos Ares“ foi o primeiro acto “non oficial“ da ACGB. Logo viñeron as celebracións con teatro, música e poesía das Letras Galegas na extinta Galería Sargadelos; a presentación do Sermos Galiza na Diada de Catalunya; ou a do libro “Nos muros do mundo“ de Amauta Castro no Ateneu Roig.
A ACGB estivo presente nas diferentes accións de activismo social que se celebraron ao longo deste 2012. Deu o seu apoio ás mobilizacións do estudantado en contra dos ataques á lingua galega; á loita permanente contra os recortes de dereitos sociais que vimos padecendo; participou de xeito activo nos actos da folga do 14 de novembro, fixo un seguemento das eleccións en Catalunya e Galicia e xunguiu os seus esforzos aos da plataforma Nunca Máis Catalunya para botar un novo berro de dignidade no décimo cabodano do Prestige.
Mil primaveras máis, pois, para a ACGB!