Case duascentas persoas déronse cita o pasado 2 de decembro no Espai Jove Fontana para fartarse a rir durante dúas horas coa estrea en Barcelona de Shakespeare para ignorantes en galego, a cargo de Mofa e Befa (Evaristo Calvo e Victor Mosqueira) e Quico Cadaval.
Organizada pola ACGB, a representación convocou a un bo feixe de emigrantes galegas e representantes de diversas entidades galegas en Catalunya, mais tamén a xente de Catalunya atraída pola ampla traxectoria da compañía e o éxito da obra, premiada en varias ocasións e estreada en outubro do 2009; chegando a representarse a outra beira do Atlántico o pasado setembro, no Festival de Teatro de Nuevo León en Monterrey (México).
A comedia, artellada sobre a exhibición descontrolada dun dúo teatral nunha conferencia académica sobre o autor inglés, fixo un amplo repaso pola súa obra, con especial énfase nos seus textos máis descoñecidos ao público en xeral e deixando grandes momentos de aceno galego adicado a entes tan enraizados no noso subconsciente colectivo coma a Deputación de Ourense e a Voz de Galicia.
Unha boa mostra da saúde das artes escénicas galegas, malia a carencia de axudas públicas e a subida continua dun IVA prohibitivo para unha industria social.