Participa na ACGB!

No século XXI, outra forma de facer as cousas é posíbel. A Asemblea Cultural Galega de Barcelona nace como alternativa 3.0 ao asociacionismo galego en Catalunya: unha alternativa autofinanciada, autoxestionada, apartidista e con presenza na rede.

É un espazo, físico e virtual, onde traballar xuntas por unha galeguidade aberta, crítica, vital e creativa en todos os eidos, creando espazos para o deporte, literatura, pintura, teatro, música, cinema ou calquera outra manifestación cultural.

Se queres formar parte da ACGB, podes botar un ollo nas nosas redes sociais e ver que facemos. Animámoste a vir, contribuír e reforzar o activismo da ACGB dende a túa persoa e dende a túa achega:

Pechamos a tempada 2022-2023

Chega o verán e, con el, o peche do curso para moitas actividades. Na ACGB non somos alleas e fixémolo coa gran festaza que é o Primavera Son, onde fostes moitas as que viñestes para facer dela un grande éxito.

Na nosa conta de Instagram hai unha chea de fotos chulas: https://www.instagram.com/acgb/

Tamén no Facebook: https://www.facebook.com/ACGBcn/

As Aulas, Furafollas, a Comisión de Actividades, a Biblioteca Sabela Labraña… todas as seccións traballaron arreo para remontar a inactividade da pandemia. Xa lle tiñamos boa gana a un chisquiño de foliada!

Déixovos unha ligazón ao vídeo co que as Furafollas anuncian este peche en YouTube:

https://youtu.be/1-Zgk-4BNC4

Pasade unha boa Festa de Sanxoán e un verán de marca maior. Vémonos á volta!

Luz Fandiño

Convocatoria de Entrega do I Premio das Letras Galegas Vivas

Día, hora e lugar: sábado 11 de febreiro de 2023, 11.00 h., Ateneu Roig, Torrent d’en Vidalet, 32, Barcelona.

Convocatoria: entrega do I Premio das Letras Galegas Vivas a Luz Fandiño e proxección do documental “A poeta analfabeta” sobre a súa traxectoria cultural eactivista.

O próximo sábado terá lugar na nosa sede a proxección do documental “A poeta analfabeta” sobre a vida e obra de Luz Fandiño.

Acto seguido haberá unha conexión telemática e terá lugar un debate con ela.

Finalmente faráselle entrega do I Premio das Letras Galegas Vivas. Tamén haberá una recolleita de sinaturas para pedir á Real Academia Galego o establecemento dun premio que se outorgue a unha escritora ou escritor en lingua galega que estea vivo.

O acto está organizado pola Biblioteca Sabela Labraña, pertencente á Asemblea Cultural Galega de Barcelona (ACGB), que se dedica ao fomento da lectura mediante o Club de Lectura en lingua galega, e a organizar actividades culturais en torno da lingua ou cultura galega.

Xaneiro na biblioteca

A Biblioteca Sabela Labraña comeza o ano con forza. Para este mes de xaneiro, hai dous actos programados e os dous en colaboración con outras entidades.

Para o 25 de xaneiro, ás 18:30 na Biblioteca Mercè Rodoreda do barrio do Guinardó (Carrer de les Camèlies, 76 de Barcelona), Xoán Rubia, en concerto, amenizará a presentación do seu libro “Pasaba por alí (e quedei un intre)“. Teremos a Daniel Adzemian na guitarra. E na presentación, contaremos con Laura Duarte, Rosa Ollé, Anxo Baranga e Joan Prados.

Catro días despois, o domingo 29 de xaneiro, ás 12:00, no Ateneu Roig (Torrent de’n Vidalet, 34 de Barcelona), teremos presentación da escolma poética “O camiño das estrelas“. Haberá recital a cargo de Francesc Cornadó, Gustavo Vega, Josep Antón Soldevila, Mila Villanueva, Pura Salceda e Raida Rodríguez Mosquera. A presentación do libro estará a cargo de Laura Duarte, Anxo Baranga e Manuel Fortes.

Animádevos a gozar dun vermú poético!

Monográfico de bailes e músicas de Ourense con Artur Puga

Xentiña! O vindeiro 3 de decembro, @arturpuga achegarase até a ACGB para impartir un curso monográfico de baile e música tradicional do noroeste de Ourense. Haberá diferentes talleres ao longo do día. Pódeste apuntar a un só ou quedar a pasar a xornada enteira💙

Os cursos son abertos para todos os niveis, así que tanto se levas moito tempo no tradi coma se te queres iniciar, anímate, é a túa oportunidade😉

Ao mediodía temos organizado un xantar (17€) para repoñer forzas e comezar a tarde con enerxía. Ademais, haberá opción vexetariana 🌱. Apúntate para reservar a túa praza! 🍽

Ah! E o mellor de todo… para pechar a xornada e poñer en práctica o aprendido, remataremos cunha boa FOLIADA! 🥳

🗓 Sábado 3 de decembro do 2022   

📌 Lluïsos de Gràcia (Plaça del Nord, n7)  

📝 Inscricións neste formulario:  https://forms.gle/q6BpX7eKZE1cr2ha8 (ou nas nosas redes sociais).

Bulide… as prazas son limitadas!    

Os carteis son de @miriam.dida

A Festa do Roig

O 5 de novembro celebrarase a gran festa de celebración do Ateneu Roig na Plaça Joanic (LA FESTA DEL ROIG 2002). Haberá festa todo o día, con actividades de todos os xeitos organizadas por membrxs ou entidades do Ateneu Roig: teatro, música, narración oral… e, por descontado, haberá unha barra de bar autoxestionada, onde toda a xente poderá mollar a gorxa. 

Precisamos da túa participación, botando unha man na montaxe, na barra ou na desmontaxe, no que queiras. Non deixa de ser unha forma de vivir a festa desde dentro e de facer grupo. Ademais, se somos moitas as que nos apuntamos, menos esforzos e máis festiva será a experiencia.
Pódeste apuntar ás quendas facendo clic aquí.

No cartaz de aí enriba tes máis información da festa.

Aproveitamos para vos adiantar outra festa antes da do 5 de novembro, máis modesta pero terroríficamente encantadora no Ateneu Roig: o serán do 31 de outubro, para celebrar a noite de difuntos, ou a noite das meigas, de todos os santos, das ánimas, dos mortos, o samaín, samhain, a castañada, o magosto e, si, tamén, Halloween

Comezará ás 18:45 coa proxección da película “Tucker & Dale Vs. Evil”, unha divertidísima comedia que parodia os slashers rurais con moito truco. A partir das 20:45 (ou cando recollamos a sala despois da peli) comezará a festa con música do demo para bailar deica pouco antes das 00:00, porque na hora meiga haberá un “conxuro con queimada” para afastar os maos espíritos. Tamén haberá cócteis infernais de 20.45 a 22.15.

E, por se todo isto fose pouco, haberá un Altar de Muertos mexicano e un photocall terrorífico na entrada do Ateneu Roig.

Espectáculo de monicreques

O domingo 2 de outubro, ás 12:00 horas, estamos todas convocadas ao espectáculo de monicreques BARRIGA VERDE ATACA DE NOVO a cargo de TÍTERES ALAKRÁN.

Baseado en marionetas de luva construídas e manipuladas por Borja Insua (monicrequeiro, actor e escultor), trátase dun espectáculo de monicreques de cachaporra tradicional, inspirado nas rutinas que facía Xosé Silvent, na súa famosa barraca, a principios do século XX. Barriga Verde é o monifate popular de Galiza, representando co seu humor a idiosincrasia galega. Títeres Alakrán recupera a súa figura adaptándoa ao mundo contemporáneo para que a nosa tradición siga viva e non morra.

Barriga Verde ataca de novo reinventa os clásicos números da morte, o demo, o militar ou a tourada.

Duración: 45 min.

Público xuvenil e adulto.

O lugar, como decote, será o Ateneu Roig (Torrent d’en Vidalet, 34 de Barcelona).

O prezo, o que queirades (billeteira inversa).

Animádevos que promete!!!

De volta ás aulas

Aulas ACGB
Cartaz cortesía de Miriam Dida

En setembro voltan as aulas da ACGB!

Faremos as clases de pandeireta e baile os xoves no Ateneu Roig a partir das 19:00 horas.

Se estades interesadas é moi importante que enviedes un mail a aulas.acgb@gmail.com, co voso nome e apelidos, indicando a que modalidade queredes asistir e en que nivel.

Mandarémosvos toda a información e o calendario deste trimestre.

As prazas iranse cubrindo por orde estrita de recepción dos correos, así que non vos despistedes.

Animádevos!!!

Primavera Son

Celebramos as Letras Galegas o sábado, 14 de maio na Plaça Joanic de Barcelona, como sabedes. Será a nosa 1a edición de PRIMAVERA SON 🌻

Comezaremos cunha lectura do manifesto “Estreleira Viaxeira” ás 11:45 horas. O manifesto nace co obxectivo de “divulgar e popularizar os símbolos máis senlleiros da Galiza”. E penduraremos unha bandeira de 10m x 10m dun dos nosos símbolos.

Despois temos sesión vermú amenizada coa “Xaranga Màgic”. Non hai festa na que non estea esta fusión de éxito: Lk + fanfarra 🥃 🎺

Ah, haberá polbeiro todo o día na praza 🐙 para o xantar, merenda e cea!

Sabedes que o escritor e activista político Florencio Delgado Gurriarán é o autor homenaxeado deste ano? pois ben, Furafollas Agrupación Teatral encargárase de que Florencio estea presente no evento con teatro encontro e posteriormente, Aula d’idiomes fará unha presentación do autor e a súa obra.

Ás 17:30 horas comezará unha foliada aberta. Preparade instrumentos e ganas de bailar!

Monoulious DOP, un trío de Noia estarán connosco! Fan cancións de “temática gastronómica, desamorosa e climatolóxica para brincar sen parar”, como din eles. Será apocalíptico 🎤🎬

Para rematar, ás 22:00 volve o DJ Cortizo para poñer a “ghinda” ao Primavera Son.

Podedes mirar os horarios no cartel, serán aproximados (intentaremos cumprir con eles). Podedes compartir cos vosos coñecidos, compis e familia.

Queda pouquiño para que Primavera Son comece! Faremos historia! 💙

Ah, o cartel é obra, as usual, da nosa querida compañeira Miriam Dida! Grazas.

IV Cocido da ACGB

Cartaz cortesía de Miriam Dida

O vindeiro sábado 19 de febreiro celebraremos o IV Cocido da ACGB no Ateneu Roig, ás 14:00 h

O prezo do xantar será de 15€ para socias da ACGB, 18€ entrada xeral e 7€ para menores de 16 anos. Haberá opción de xantar vegano.

A partir de hoxe, luns 7 de febreiro á tarde, comezará a venda física de entradas no Ego Galego (C. de Goya, 20) e xoves 10, tamén á tarde no Ateneu Roig (C. del Torrent d’En Vidalet, 34). O número máximo de entradas que se poderán mercar por persoa é de 4. Hai aforo limitado así que non o dubidedes!

Animádevos porque os nosos cocidos son un éxito total: polo sabor, polo recendo e pola compañía! 🥳

Discofórum

Desde a ACGB, en colaboración co equipo Discofòrum, propoñémosvos participar nun discofórum de música galega o vindeiro domingo 16 de xaneiro ás 11:30h no Ateneu Roig.

Que é o discofòrum? É un grupo de persoas que se atopa para compartir música, experiencia e debate. Cada persoa leva unha canción para escoitar e despois coméntase coas aportacións de todo o grupo: sensacións, gustos, letra, melodía… As sesións duran arredor de dúas horas. É unha actividade que vai dirixida a calquera persoa que goce da música, sen necesidade de ser experta, na procura de xerar un espazo de encontro mediante un acceso á musica non mediatizado polo interés comercial.

O equipo Discofòrum, formado por Jordi, Rodrigo e Joan, e integrado dentro do programa Cultura Viva do Concello de Barcelona, leva realizando numerosos discofórums en diferentes ateneus e barrios da cidade. Neste caso, en colaboración coa ACGB, propoñen facer un discofòrum exclusivamente de música galega, coa fin de xerar un encontro que nos permita partillar a nosa música.

Anímaste a participar?

Precisamos dun mínimo de oito participantes que escollan unha canción e a manden ao email joan.m.gual@gmail.com antes do venres 14 de xaneiro.

Anímate! Calquera estilo, ritmo ou época é benvido!